19 octubre 2012

«Perdín o medo a expoñer animado por Caleidoscopio»


:logo-lvg: | Barbanza

O sonense amosa por vez primeira en Barbanza a súa obra

Xunto con outros integrantes do colectivo Caleidoscopio, o sonense Óscar Bonigno Santa Cruz amosa varias esculturas nas instalacións do Liceo de Noia. A exposición preséntase baixo o título Corpos en paralelo, e permanecerá no edificio noiés ata fin de mes. Esta é a primeira vez que o artista do Son dá a coñecer a súa obra en Barbanza, pero non será a derradeira.

-¿Cando comezou a súa afección pola escultura?

-Pois ven de antigo, pois empecei a miña formación na Coruña a finais da década dos setenta. Logo completei estudos no Mestre Mateo compostelán, onde realicei diferentes cursos de especialización.

-Con esa ampla formación, ¿non conseguiu abrirse camiño na escultura a nivel laboral?

-Pois non, é moi complicado. A verdade é que tampouco estiven nunca interesado en promocionarme no mercado artístico, nin sequera quixen expoñer os meus traballos. Ata que entrei a formar parte do colectivo Caleidoscopio nunca amosara as miñas creacións.

-¿Cando e por que nace este grupo?

-O colectivo está formado por persoas que coincidimos en cursos no Mestre Mateo. Decidimos crear un grupo que non é só de escultores, tamén teñen cabida a pintura ou a performance.

-¿Que obxectivos persegue Caleidoscopio?

-A idea é dar a coñecer as nosas obras, intercambiar experiencias e procurar locais para expoñer. O grupo iniciou a súa andaina no 2010 e, desde entón, expuxemos en Carballo, en Lalín e agora en Noia

-¿Que pode atopar o público no Liceo?

-É unha exposición de carácter figurativo, que xira ao redor do corpo humano. Cada un representa esta temática ao seu xeito.

-¿Xa hai seguinte parada para esta mostra?

-Pois si. A responsable de Cultura de Porto do Son fíxonos un ofrecemento e, cando remate outubro, desmontaremos no Liceo de Noia para trasladar alí a exposición.

-¿Cales son as súas preferencias á hora de crear?

-A escultura figurativa, desde tallas en madeira ata forxa, pasando por pedra, modelado, cerámica... Tamén toco técnicas experimentais, empregando incluso materiais de refugallo. Podo buscar a inspiración en algunha cousa ou facer sinxelamente unha amalgama.

-¿Por que se decidiu a amosar agora a súa obra?

-Quizais perdín o medo a expoñer animado por Caleidoscopio. Atopei a canle ideal para dar a coñecer a miña obra.

-¿Pensa incluso en chegar a vivir da arte?

-Si, agora si que mo planteo. Poder vivir do que a un lle gusta sempre é apetecible. De feito, as obras que se expoñen en Noia están á venta.

-Pero, ¿quizais non sexa o momento máis oportuno?

-Dámonos conta de que a situación non é doada, pero o único xeito de darnos a coñecer é sacar as obras a rúa.

0 comentarios: