Mostrando entradas con la etiqueta Corais. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Corais. Mostrar todas las entradas

22 octubre 2011

«As corais adoecen de renovación por parte da mocidade»

:logo-lvg: | Barbanza

Preto de dez corais de Barbanza, repartidas na franxa costeira que vai desde Porto do Son ata Louro, non serían o que son se non fose pola batuta de Domingo Barreiros. Se hai unha na que a súa man foi e segue a ser decisiva, esa é a do Liceo de Noia, pois diríxea desde hai nada menos que 35 anos. Con el, o orfeón noiés sacou á luz tres traballos discográficos e ofreceu ducias de concertos.

Quizais por esta longa relación, o recuncho preferido deste amante da música non podía ser outro que as propias instalacións do Liceo, nas que pasou un número incalculable de horas e ás que segue acudindo, como mínimo, un par de noites á semana. Pero como «recunchos especiais hai moitos», Barreiros non pode deixar de mencionar tamén o cuberto que adecentou e encheu de libros e instrumentos a escasos 25 metros da súa vivenda de Louro.

Alí ten o seu retiro, sobre todo desde que se xubilou, hai un ano. Ata entón, e desde comezos da década dos sesenta, Barreiros Lago dedicábase de cheo ao ensino, aínda que xa foi nesta etapa de docente cando empezou a poñer en práctica os estudos musicais que adquirira no conservatorio de Santiago. Despois de pasar polo ensino de adultos, unha unitaria e o colexio Emilio Navasqües, este muradán entrou a formar parte do plantel de profesores do instituto Serra de Outes desde a súa apertura. Alí empezou a impartir música case por obriga, «pois ninguén quería encargarse desa materia», e permaneceu unha década falando de corcheas e pentagramas.

Domingo compaxinou este traballo co desenvolvemento da súa afección noutros eidos, pois estivo un par de décadas nunha formación de música lixeira e, desde o ano 1976 dirixe a coral do Liceo noiés.

Atraído pola docencia

Aínda que recoñece que é complicado decantarse por unha das dúas facetas, asegura que o labor docente atraíao de xeito especial: «Gustábame moito o contacto cos rapaces e comprobar as súas reaccións inesperadas. Ás veces collían as cousas ao revés e outras, quedábanse coa anécdota e non coa verdadeira esencia da explicación». De feito, sinala que ata o pasado mes de setembro, cando non se tivo que incorporar ao instituto, non se dera conta do que significaba traballar.

Barreiros di que o seu labor á fronte das corais ten moito que ver co mundo do ensino: «Os ensaios son o traballo realmente importante, porque actuacións pode haber unhas vinte por ano, pero encontros para preparalas son dous por semana».

A paixón que sinte pola dirección leva a este muradán a amosarse preocupado polo futuro incerto dos orfeóns en xeral: «Nestes intres pode dicirse que gozan de boa saúde, pero hai un problema a nivel Barbanza, Galicia e España; non hai renovación nas corais por parte da mocidade. Non coinciden os intereses das distintas xeracións e hai un corte coincidindo co período da universidade ou do acceso ao mundo laboral. Logo, é habitual que volvan a integrarse cando pasan á xubilación».

El sabe do que fala, pois hai anos puxo en marcha unha coral infantil no Liceo noiés: «Ao principio funcionou moi ben, pero pouco a pouco foi a menos, ata desaparecer». É que, aínda que a coral desta sociedade lle deu a Barreiros un feixe de motivos para aledarse, tamén lle ocasionou algún que outro momento amargo. O peor foi coincidindo coa escisión que se produciu no seo da agrupación pouco despois do seu ingreso como director: «Eu ensaiaba dous días á semana á coral do Liceo e outros dous á polifónica, xurdida da man dos escindidos. Cando me tocaba dirixir a uns, algúns dos outros torcíanme a cara na rúa e viceversa».

Coa coral noiesa, Domingo Barreiros fixo realidade o soño de gravar tres discos, pero, aínda así, pensa que este número se queda curto: «Gustariame ter gravado máis, o que ocorre é que para facer un traballo de calidade habería que prescindir de actuar unha longa tempada, co fin de preparar os temas a conciencia. O tempo non chega a nada».

Domingo Barreiros Lago
69 anos
Mestre xubilado e director musical
O Liceo noiés, onde leva desde 1976 ensaiando á coral