13 diciembre 2014

Barbantia premia a Soledad Penalta, a Xulio Gutiérrez e ao Ateneo Valle-Inclán

:logo-lvg: | Barbanza

Os socios de Barbantia xa emitiron o seu veredicto e elixiron aos tres persoeiros galardoados este ano cos seus Premios da Cultura. Despois dunha disputada votación, Soledad Penalta, Xulio Gutiérrez e o Ateneo Valle-Inclán son os acredores dos Sereos realizados en cerámica de Sargadelos que se entregarán nun acto que se celebrará hoxe.

Xulio Gutiérrez, biólogo, profesor e integrante do grupo Menestreis, recibirá o premio á traxectoria cultural, unha categoría na que se impuxo ao historiador Daniel Bravo e a Maxi Olariaga. Pola súa parte, o galardón á iniciativa cultural recaeu este ano no Ateneo Valle-Inclán, espazo do que parten un bo número das iniciativas culturais nacidas en Ribeira. Por último, a escultora noiesa Soledad Penalta recibirá o Sereo na categoría de cultura galega.

Un total de 55 socios de Barbantia participaron na elección dos premiados nesta edición. Os outros dous finalistas de cada unha das categorías terán unha nova oportunidade no 2015.

Novos finalistas

Ademais de emitir os seus votos, os socios realizaron propostas sobre posibles candidatos a obter un Sereo na vindeira edición dos Premios Barbantia da Cultura. Desas suxestións seleccionáronse tres, unha por cada categoría, que competirán cos finalistas que non foron galardoados este ano: Maralla, na modalidade á traxectoria cultural; o colectivo Leñaverde, no premio á iniciativa cultural; e Manuel Romero.

0 comentarios: