15 julio 2014

As clases de ESO para adultos retomáronse en Porto do Son

:logo-lvg: | Barbanza

As augas volveron ao seu curso en Porto do Son. Os alumnos das clases de ESO para adultos xa reciben as leccións no edificio de usos múltiples, onde terán que tomar apuntes ata que o mes de setembro chegue ao calendario e con el os temidos exames. A iniciativa retómase despois de varias protestas dos estudantes pola suspensión do servizo e de que o goberno local se comprometera a mantelo asumindo con fondos propios o seu custo.

O asunto tamén foi motivo de debate no último pleno, ao que asistiron os alumnos afectados. O alcalde, Luis Oujo, asegurou que seguirán facendo xestións para que a Consellería de Educación conceda a subvención da que xa dispuxeron outros anos.

Cambio de ubicación

O rexedor sonense tamén apuntou á intención do Concello de que o próximo ano estas clases de secundaria para adultos se ofrezan no instituto, como xa ocorre noutros concellos da comarca de Barbanza. De calquera xeito, o servizo estaría garantido para os vindeiros cursos.

A mestra encargada de compartir os seus coñecementos cos estudantes, Begoña Lesende, sinalou que polo momento non están acudindo ás clases todos os alumnos que o necesitan debido a que non todos saben que xa se retomaron.

Ao longo das últimas semanas, os estudantes saíron ás rúas para reclamar que non se suprimira esta formación tan necesaria para conseguir a inserción no mercado laboral. Na súa loita conseguiron o apoio de todos os grupos da oposición.

0 comentarios: