23 julio 2014

A Feira Celta de Porto do Son reunirá un centenar de postos

:logo-lvg: | Barbanza

As actividades realizaranse en diferentes prazas e rúas da localidade barbanzana

Entre os días 25 e 27, o municipio de Porto do Son converterase nun punto de referencia do mundo tradicional galego. O concello barbanzano acollerá unha nova edición da Feira Celta. Ata a localidade trasladaranse preto de un centenar de postos destinados a ofrecer produtos típicos deste antigo pobo a todos aqueles interesados que se acheguen. A apertura das actividades terá lugar as 18.00 horas do venres.

A maior parte das tendas que se trasladarán ata Porto do Son durante estes días pertencen á empresa organizadora. Aínda así, a Administración local garantiu que as asociacións locais, como Amas de Casa, A Creba, a organización da Festa Hortera e a comisión das Festas do Carme terán o seu oco nesta iniciativa.

Os postos e as actividades programadas para estas datas realizaranse en diferentes zonas do centro da vila. As rúas Trincherpe, Fernando Fariña, Méndez Núñez, Camiño Novo, Castelao, Montevideo, Xesús e Espíritu Santo decoraranse para a ocasión. Tamén terán protagonismo as prazas, España, Nova e Rosalía de Castro.

Para contribuír a que o ambiente sexa inmellorable, e para entreter a todos aqueles que se acheguen, están programados diferentes actos. Un faquir demostrará o seu poder ao longo destes días. Entre os postos tamén se atopará o obradoiro tradicional dun ferreiro, onde poderá verse como traballa este artesán.

Ademais, o grupo Atraspiés efectuará unha das súas espectaculares actuacións. Os bonecos celtas de Confusión estarán tamén a disposición da xente para que poida gozar de estas pequenas obras de arte popular.

Nova porta

Aproveitando esta nova edición da Festa Celta inaugurarase outra porta decorativa. Este ornamento estará situado na rúa de Xesús, e acompañará á que xa se fixera no Camiño Novo. O autor desta maxestosa obra é un carpinteiro noiés que terá o seu espazo entre os comercios que se instalarán en Porto do Son.

0 comentarios: