11 octubre 2013

«O teatro non só require diálogo, tamén precisa moita mímica»

:logo-lvg: | Barbanza

Leva un ano dirixindo a compañía de Porto do Son

Hai pouco máis dun ano, a raíz da precipitada marcha de Manuel Mariño, Baldomero Iglesias púxose á fronte da compañía de teatro afeccionado Queixumes. Só levaba un par de anos na agrupación sonense, pero tiña táboas nas artes escénicas, pois desde a década dos noventa forma parte da formación do Liceo de Noia. Este domingo, el e o seu elenco de actores presentarán na casa de cultura de Portosín Melocotón en almíbar, unha peza que, asegura, gustará moito ao público.

-¿Como entrou a formar parte da familia de Queixumes?
-Pois foi Manuel Mariño e os propios compoñentes do grupo os que falaron comigo para ver se me interesaba sumarme. A min gustábame o teatro e xa estaba na compañía do Liceo noiés, así que, aceptei.

-Tamén foron os membros do grupo os que o propuxeron como director...

-Pois si. Despois de que se fora Manuel Mariño tivemos unha reunión para analizar o futuro da compañía e propuxéronme a min como director.

-¿Que o levou a asumir ese reto?
-Foi precisamente o feito de velo coma un reto, coma unha experiencia nova. Agora sei que foi unha decisión acertada, porque me gusta dirixir.

-¿Que é o que máis lle atrae desta tarefa?
-Gústame, sobre todo, meterme cos compoñentes do grupo, darlle ordes, corrixir aqueles aspectos que penso que son mellorables, como a forma de falar ou de expresarse mediante os xestos. O teatro non só require diálogo, tamén precisa moita mímica.

-Pero, ¿algo complicado terá tamén o traballo de dirixir?
-Para min, o máis complicado é a escenificación. Aínda así, teño aos compañeiros da agrupación que teñen coñecementos e experiencia na materia, así que me botan unha man.

-¿Pensa entón seguir unha boa tempada na dirección de Queixumes?
-Si, de feito temos xa outra obra na man e empezaremos cos ensaios xusto despois da representación do domingo. O certo é que estou moi emocionado co teatro.

-¿Trátase tamén dunha comedia?
-Si, vai ser unha comedia. En algunha ocasión analizamos a posibilidade de representar un drama, pero o público, cando vai ver unha representación teatral, quere rir, pasalo ben.

-¿Iso pretende Queixumes con «Melocotón en almíbar»?
-Pois si. O domingo, os veciños van rir e van ver un grupo de teatro totalmente renovado, pois eu deille outro aire. Penso que é unha compañía xeitosa.

-¿Hai actores ou custa formar un grupo mínimo para representar as obras elixidas?
-Custa traballo xuntar xente. Hai quen ten gañas, porque eu véxoo, pero non se deciden a dar o paso. Penso que é unha cuestión de vergoña. Non se deciden a dar o paso e é unha mágoa, porque se podería facer outras obras que requiren máis xente.

baldomero iglesias garcía director de queixumes

0 comentarios: