13 octubre 2013

Incendios forestais e arte rupestre: o caso de Porto do Son

:logo-lvg: | Barbanza

Os autores asinaron un manifesto hai doce anos a prol da protección

Somos conscientes de que os incendios forestais teñen importantes consecuencias negativas nos eidos humano, económico, medioambiental e paisaxístico. Trátase de cuestións que van máis alá dos nosos coñecementos e que deben ser abordados por diferentes especialistas polo que non imos entrar nelas agora. Falaremos unicamente de efectos menos coñecidos dos lumes pero que consideramos teñen importancia. Logo de numerosas experiencias en diversos lugares de Galicia son ben coñecidos os efectos negativos que os lumes forestais provocan nos petróglifos localizados nas zonas afectadas, acelerando o seu deterioro ou mesmo provocando a súa destrución.

No concello de Porto do Son, un dos máis ricos en manifestacións de arte rupestre de Galicia, producíronse en setembro incendios forestais que atinxiron unha superficie de centos de hectáreas nas que se localizan moitos gravados prehistóricos que resultaron afectados polo lume, entre eles o de a Gurita I (Baroña), un dos máis emblemáticos do Barbanza. Nos pasados anos traballamos alí durante meses cun grupo numeroso de persoas de diversas áreas de coñecemento coa ilusión de coñecer mellor o xacemento e contribuír á súa futura conservación, un proxecto que custou esforzos e cartos. Unha parte dese traballo consistiu precisamente na avaliación por especialistas dos danos causados polos incendios de anos anteriores que tiñan deteriorado gravemente os gravados. Logo do acontecido o pasado setembro no Son, semellante ao sucedido en concellos ricos en petróglifos como Oia, Tomiño ou Carnota, é inevitable que volvamos a vista atrás.

Manifesto

Hai agora doce anos, un grupo de amigos, prehistoriadores, xornalistas, profesores ou científicos, entre eles persoas tan queridas como os xa desaparecidos Borobó e Pepe Agrelo, asinamos un breve texto a modo de manifesto no que abordabamos algunhas cuestións en relación co patrimonio arqueolóxico do Barbanza e coa súa xestión. Pasados os anos, a lectura de certas recomendacións contidas nese vello texto permite comprender a nosa tristeza e o noso desencanto de hoxe. Velaí algunhas daquelas demandas:

-Establecemento dunha carta de riscos (?) na definición dos factores que poidan incidir negativamente na conservación dos xacementos.

-Intervencións puntuais naqueles conxuntos que, en razón do seu valor histórico, artístico, estado de conservación ou localización, demanden un tratamento individualizado para asegurar a súa mellor comprensión e conservación de cara ao futuro.

-Definición dunha serie de áreas de protección que aseguren a preservación tanto de restos arqueolóxicos singulares como do seu contorno inmediato.

En posteriores traballos, libros, artigos, conferencias, mesas redondas, e tamén mediante contactos directos con persoas que en razón dos seus cargos teñen a obriga de defender e preservar este patrimonio, recomendamos a adopción de certas medidas mínimas e urxentes que, na nosa opinión, evitarían boa parte das terribles consecuencias que o lume ten sobre as manifestacións de arte rupestre. Insistimos unha e outra vez na necesidade da eliminación de plantas arbóreas e arbustivas nun radio de 10-15 metros arredor das rochas gravadas, do mantemento periódico dese cinto de protección mediante rozas realizadas anualmente antes do verán, do establecemento de canles de colaboración cos propietarios e as comunidades de montes procurando a súa «complicidade» e na conveniencia dunha política de máis e mellores iniciativas de divulgación especialmente dirixidas ao mundo do ensino.

Medidas de baixo custo

Trátase de medidas de moi baixo custo económico e doada aplicación que permitirían sen dúbida minimizar no futuro o deterioro do noso patrimonio e sensibilizar á cidadanía a prol da súa defensa.

Aquelas recomendacións mereceron só unha atención parcial das autoridades. Desde entón perdemos doce anos, e a repetición periódica de incendios forestais con incidencia nas manifestacións de arte rupestre así o demostra. Mentres se segue a traballar na localización e catalogación de novos xacementos e mentres se difunde con orgullo en folletos e páxinas web a súa existencia, mantense unha lamentable inactividade que na práctica abandona á súa sorte aos petróglifos. Tal actitude alimenta ademais o desleixo dos cidadáns fronte ao patrimonio ao que rematan por considerar -seguindo o exemplo dos seus representantes- como algo anecdótico e curioso pero perfectamente prescindible.

A política de protección dos nosos montes e do noso patrimonio arqueolóxico non pode seguir consistindo en rezar para que o ano que ven faga menos calor e menos vento norte coa esperanza de que -se todo vai ben- poderemos ir tirando un ano máis.

Dirixímonos pois aos que, sexa cal for a súa cor política, teñen a chave e deben dar un paso adiante, aos que desde a Administración -comezando polo Concello- poden e deben adoptar medidas efectivas de protección dese patrimonio único. E non estamos a falar tan só de cartos. Trátase de sensibilidade, de vontade, de compromiso. Para ese labor saben as autoridades que contan -coma sempre contaron- coa nosa colaboración.


0 comentarios: