29 septiembre 2013

Noia e Barbantia uníronse para facer maxia coas verbas

:logo-lvg: | Barbanza
Xerardo Agrafoxo presentou o seu último libro ante ducias de persoas

Noia demostrou, unha vez máis, o seu compromiso con Barbantia. A casa de cultura Antón Avilés de Taramancos encheuse de público con motivo da presentación do libro Quen matou o Cantino, de Xerardo Agrafoxo, unha obra que remove no pasado, nos episodios máis escuros da historia para denunciar a morte dun camareiro que foi executado en Boisaca o 10 de outubro de 1936, acusado polos fascistas de cometer un delito de rebelión militar. Trátase dun dos misterios da Guerra Civil.

Xesús Laíño, presidente da asociación cultural, tomou a palabra en primeiro lugar para anunciar que os actos de Barbantia regresan con moita forza e que sempre é un pracer visitar Noia pola boa acollida dos veciños e do mundo da cultura.

Seguidamente, o director de Xerais, Manuel Bragado, sinalou que este é un momento difícil para a edición en galego e para a cultura en xeral. «Este libro debe considerarse como un modelo para restaurar a dignidade daqueles que foron vítimas do xenocidio que xurdiu a partir do ano 1936», engadiu Bragado.

Tamén Pedro García Vidal tomou a palabra para destacar o valor desta publicación. A súa intervención estivo cargada de emotividade: «No ano 1975 algúns de nós eramos uns mozos. Pensabamos que se abrían ás ventás da liberdade e que virían tempos novos. Hoxe algúns sentímonos derrotados, pero hai xente como Agrafoxo que para nada o están e saca libros como o que presentamos. Con Xerardo a memoria está asegurada».

«Un acto en liberdade»

O autor tomou a palabra e relatou a historia do Cantino, destacando o traballo de documentación que levou a cabo e as testemuñas dos veciños que o axudaron a escribir esta obra que causa tanta expectación na vila noiesa. Agrafoxo subliñou que O Cantino, cando chegou a Boisaca, non negou a súa ideoloxía, e xa sabía que o matarían. «Grazas ao seu compromiso celebramos hoxe un acto en liberdade».

Foron moitos os aplausos que dedicou o público ao escritor e moitos os que non quixeron marchar sen levar o seu libro asinado. Os actos de Barbantia volven ao calendario cunha aposta nun decidido apoio á cultura na comarca e a autores como o que o venres pola noite encheu de paixón pola literatura e pola historia a casa de cultura.

0 comentarios: