24 marzo 2013

Barbantia deu fe de que a Bioloxía tamén é cultura

:logo-lvg: | Barbanza

A presentación de «Ocultos» deu pé a unha amena lección de natureza

Se a cultura é coñecemento, circunscribir só á creación artística a tal consideración é reducir o seu abano. E un bo exemplo do sinalado foi o acto que a Asociación Cultural Barbantia desenvolveu na galería Sargadelos de Boiro o pasado venres, unha lección de natureza a cargo de biólogos vocacionais que acudiron á chamada da entidade que preside con motivo da presentación do volume Ocultos, a cuarta entrega da colección Animales Extraordinarios da editorial Kalandraka.

Os autores da obra son Xulio Gutiérrez Roger e Nicolás Fernández. O primeiro encargouse dos textos, e o segundo, da ilustración. Gutiérrez compareceu acompañado por Jesús Lojo, director da sala Sargadelos; Agustín Agra, membro de Barbantia e mestre de Bioloxía; José María Heras, en representación da editorial, e a concelleira de Cultura, Helena Teixeira.

Foi Agustín Agra quen levou o peso da presentación e, como sempre, fíxoo ao seu estilo, debullando, primeiro, ao autor e colega de profesión, indagando nas súas teimas; e logo, coa obra, da que, entre outros aspectos, destacou a súa calidade tanto na edición como nos contidos, a maquetación e o deseño, a facilidade de lectura e a distribución de contidos.

Accesible para maiores

Pola súa banda, José María Heras, quen tamén participou na elaboración do volume, explicou que o seu papel neste traballo era facer que a publicación fose accesible tanto para nenos como para maiores. Sinalou que o primeiro obxectivo do volume era escribir textos pequenos que entenderan tanto os nenos como os seus pais. Engadiu que se buscaba que o libro fose conciso e que puidese lelo un neno de 10 anos, cousa que, ao seu parecer se conseguiu: «É, en realidade, un álbum infantil que poden ler os maiores». Destacou tamén a calidade das ilustracións de Nicolás Fernández, que non puido comparecer.

O autor, que coordina a sección Palabras na Paisaxe do suplemento A Voz de Barbantia, dixo que Ocultos é froito de moitos anos de traballo. Xulio Gutiérrez lembrou que a obra forma parte dunha colección de seis volumes, redactados con sinxeleza para que sexan libros de lectura universal, accesibles en todo o mundo, motivo polo que se inclúen animais de todos os continentes: «Ocultos é un libro no que tratamos de reflectir os enganos dos animais para comer e para non ser comidos». As publicacións desta colección están traducidas ao inglés, alemán e ao portugués.

Pechou o acto a concelleira de Cultura, Helena Teixeira, felicitando ao autor pola súa obra e a Barbantia pola labor cultural e a publicación do suplemento.

0 comentarios: