13 diciembre 2011

Un conto árabe

:logo-lvg: | Barbanza

O ladrillo de barro xa era un material construtivo fai moitos séculos, quedando vestixios tan salientables como a Gran Muralla China de fai uns dous mil cincocentos anos. Hoxe en día é un controvertido material ao que se lle atribúen moitas desgrazas, como a crise financeira, que algo hai pero non tanto, sendo a construción civil en España na segunda metade do século pasado unha gran locomotora da economía.

Aló pola década dos setenta comezouse a lexislar tan restrinxidamente como que cando alguén solicitaba licenza para facer unha casa na leira da sogra autorizábase sempre e cando non supuxera perigo de formación de núcleo de poboación (Artigo 85 do R.?Decreto 1346/1976). Pois ben, malpocadamente para Galicia, tal propósito está conseguido. O que non se acadou foi a previsión do artigo corenta e sete da Constitución de impedir a especulación do chan que agora custa máis que facer unha casiña decente, sendo a lei 8/1990 (de Felipe) o estoque desta situación na que unha parella de mozos non pode soñar co seu niño de amor sen que tampouco a 7/1997 (de Aznar) arranxara o problema. Nesta bisbarra houbo iniciativas plausibles tentando amolecer tal lexislación, como en Ribeira cun plano tipo estandarizado para facilitar que se construíra nas aldeas sen afrontar certos gastos de dubidosa utilidade.

En Porto do Son apostaron por permisos de galpóns e noutros concellos por facer a vista gorda, pero moita xente pouco pudente alcanzou o seu soño. A construción, corrixindo certas rixideces, debe volver a ser protagonista xa que é xeradora de moito emprego e refuxio do necesario aforro.

Que haxa quen desexe vivir no eido rural é toda unha opción de calidade de vida, ademais de inverter a nefasta tendencia da desruralización, que en moi poucas xeografías é tan doado, sen que iso supoña que todos teñan que ser labregos. Claro que tampouco axuda que moitos concellos se converteran na cova de Alí Babá e os corenta ladróns que, como todos ben sabemos, non é máis que un conto árabe.

0 comentarios: