20 noviembre 2011

«Este ano foi o máis duro, pero imos seguir loitando»


:logo-lvg: | Barbanza

Denuncia a discriminación do colectivo a nivel orzamentario

Hai sete anos, a enfermeira Susana García, a traballadora social Isabel Fernández e un grupo de pais fundaron a asociación A Creba. Querían ofrecerlle aos enfermos mentais unha saída diferente á hospitalización ou ao illamento nas vivendas. Conseguírono, pero despois de anos de traxectoria ascendente, o colectivo vive agora os momentos máis complicados, debido sobre todo ao recorte das axudas procedentes das Administracións. Aínda así, Susana García, que o pasado verán asumiu a presidencia da entidade, mantén a ilusión e a esperanza do primeiro día.

-¿Que balance fai destes dezaseis anos de andaina da Creba?

-Creo que houbo moitos logros, máis incluso dos pretendidos. A Creba xurdiu para que os enfermos puideran relacionarse, aprender un oficio e incluso atopar un traballo; nunha palabra, para normalizar a súa situación. Agora temos un centro ocupacional, un espazo para a rehabilitación psicosocial, transporte e catro vivendas protexidas con vinte prazas, ás que incluso nos remite persoas o hospital de Conxo. E, o que para min é quizais o máis importante, temos un centro especial de emprego, A Creba Feito á Man, unha tenda situada en pleno casco histórico, na rúa Luis Cadarso, na que vendemos tantos produtos feitos na asociación como gravados de Alfonso Costa e pezas de artesanía.

-Despois de tantos logros, ¿cal é a materia pendente?

-Moitas, a principal é chegar a máis lugares, a máis doentes. Estamos empezando a traballar en Ribeira e queremos espallar o labor da asociación e tamén crear emprego. Sería formidable ter unha pequena industria na que puideran traballar os nosos usuarios.

-A traxectoria da Creba foi sempre en ascenso ata agora, ¿vive a asociación os momentos máis amargos?

-Si, de feito tivemos que facer un expediente de regulación de emprego e despedir a dous traballadores. Sen dúbida, este ano foi o máis duro, pero imos seguir loitando. O que ocorre é que as achegas da Xunta chegan cada vez máis tarde e levamos desde o 2008 solicitando o financiamento mediante o sistema de custe-praza, co obxectivo de darlle estabilidade ao centro ocupacional, pero non o conseguimos, o que está dificultando o avance da Creba. A maiores, os nosos usuarios son discriminados sistematicamente nos orzamentos da Xunta, pois mentres unha persoa con discapacidade física, psíquica ou sensorial recibe cen euros para recursos asistenciais, unha que ten discapacidade por enfermidade mental recibe só vinte euros.

-¿Mira entón ao futuro con preocupación?

-Pois, miro ao futuro con gañas de seguir loitando, de acadar de algún xeito o autofinanciamento. Ademais da venta de produtos a través da tenda, estamos incidindo na procura de axudas, contactando con colectivo e con empresas. Penso que, en xeral, a xente está sensibilizada, agora máis que nunca, coa nosa causa.

Relacionadas
«A integración laboral e a inserción social son eidos nos que hai que incidir»
Sobreviviendo

0 comentarios: