27 noviembre 2011

Barbantia encheu Noia de cultura


:logo-lvg: | Barbanza

A entidade entregou os premios Sereo e presentou o Anuario de Estudos do Barbanza

Como dixo Xesús Laíño, presidente da Asociación Cultural Barbantia, Noia é a segunda casa de todos os que forman parte deste movemento. Certamente a entidade ten na vila de Avilés de Taramancos un bo feixe de socios e comparte tamén con ela o amor pola cultura. Así ocorre que nos actos que a organización celebra neste concello o cheo está asegurado. Por iso, Barbantia, empregando un simil futbolístico, onte xogaba na casa. Elixiu o escenario da casa de cultura para celebrar a súa festa anual, na que entrega os premios Sereo, presenta o Anuario de Estudos do Barbanza e, logo, celebra o xantar.

Pois onte, todo foi unha confabulación para que case todo saíse ben, porque a nota discordante foi allea a Barbantia, pero como era día de festa, todos conspiraron para esquecela. A entidade encheu Noia de cultura, primeiro cunha actuación do sempre sorprendente Serafín Marcos, acompañado ao piano por Juanma Varela, e logo cos bos desexos e o recoñecemento das autoridades presentes á labor que está a facer a entidade, nunha situación pouco doada para a cultura, na que a falta de fondos fai perigar calquera iniciativa.

Sen embargo, no encontro de Noia quedaron claras as intencións de Barbantia, resistir e tirar para adiante mantendo e incrementando os socios que, como apuntou Alberto Piñeiro, só teñen que pagar 15 euros ao ano que lles da dereito a dúas publicacións, a participar na elaboración dos suplementos culturais e a gozar do feixe de actividades que esta entidade desenvolve por todo o territorio barbancés.

Manuel Cartea, coordinador do Anuario, fixo un repaso polos contidos que a publicación ten nesta sétima entrega, e fíxoo con espírito crítico, o mesmo que empregou para rematar a súa intervención cunha nova defensa da lingua galega, para a que pediu mil primaveras máis, ao igual que para a asociación Barbantia.

Os galardóns anuais

O acto central era sen dúbida a entrega dos Sereos, que son unha reprodución do ser mitolóxico que identifica á entidade e que, desde este ano, están feitos por Sargadelos. O premio á traxectoria cultural no Barbanza foi para Paola García Paz, pintora, presidenta da Asociación de Amigos do Museo Valle-Inclán, directiva de O Faiado e participante nun bo número de iniciativas que se desenvolven pola bisbarra.

O Sereo que distingue á iniciativa cultural no Barbanza foi para a revista A Casa da Gramática, do instituto Virxe do Mar. Pola súa banda, a poeta Eva Veiga recolleu o premio da cultura galega.

Cada un dos galardoados tiveron unhas curtas intervencións cargadas de emoción e de ledicia. Eva Veiga, despois de dar ánimos a Barbantia, recitou dúas poesías que mereceron un longo aplauso do público. Paola García sinalou que o premio non era só para ela, senón tamén para a toda a xente coa que traballa a prol da cultura. Non foron menos emocionantes as verbas de Xavier Castro, director da Casa da Gramática, que empezou sinalando que no ano 98 tivo un soño, e ese soño estase a cumprir coa publicación varias veces galardoada e que conta con creacións de artistas consolidados e doutros novos.

Xesús Laíño, en nome da asociación, falou do suplemento A Voz de Barbantia, que onte acadou o número 69, e avogou por conseguir chegar aos cen exemplares. Lembrou que actualmente hai 285 socios e convidou aos presentes a convencer a máis xente para que se una ao proxecto Barbantia, que xa ten 7 anos e parece decidido a quedar moito tempo con nós.

0 comentarios: