30 agosto 2011

¿Servizos de urxencias?

:logo-lvg: | Barbanza

Unha persoa acode ao seu centro de saúde pola mañá para ser atendida por urxencias, xa que presenta un cadro de doenza atípico, no que lle prestaron a asistencia sanitaria posible coa indicación de que, se non remitía, fose directamente ao hospital de Barbanza, como así foi necesario na primeira hora da tarde. Chegados ao centro hospitalario, activáronse os protocolos axeitados á situación, rematando o proceso ben pasada a media noite. Prestación recibida, correcta, agás o tempo transcorrido.

Pero máis de oito horas permiten pescudar algúns datos, como que, habendo tanto doente que atender, soamente había dous médicos asistidos por un persoal sanitario electrificado, mentres que en catro centros de atención primaria dos concellos de Porto do Son, Ribeira, A Pobra e Boiro, catro médicos e o seu persoal auxiliar dormitean a meirande parte do tempo. Deixo para o xornalismo de investigación a media de urxencias destes PAC, pasando a facer unha retrospectiva.

Ano 1999, o conselleiro de Sanidade, Hernández Cochón, plantexa concentrar as urxencias destes concellos no hospital comarcal, pero -¡oh fatalidade!- coinciden eleccións municipais, e dende colectivos que saben de sanidade o que eu de astronauta, acordan opoñerse, polo que as baronías da bisbarra fan unhas chamadas telefónicas a un alto cargo do PP galego que exerce en Madrid, o cal fai outras chamadiñas a Santiago, co que se frea para mellores tempos a decisión do inefable conselleiro.

Pode que o plantexamento estivese trabucado, ou non. Vexamos. Segundo a páxina web do Sergas o mapa sanitario, regulado polo Decreto 55/1989, establece 93 Zonas de Atención Primaria, 45 Zonas Sanitarias de Atención Integrada, 9 Áreas de Saúde, 3 Rexións Sanitarias e, para rematala, a lei 8/2008 engade outras 58 persoas para formar o Consello Galego de Saúde. Conclusión, para que un barco non se afunda hai que taparlle os furados ou cambiar o sistema de navegación para que non se fure.

0 comentarios: