11 marzo 2011

Varela axilizará a declaración como BIC de Baroña

:ecg: | 11/03/2011
O conselleiro de Cultura vai incoar o expediente neste cuadrimestre

O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, informou onte no Parlamento de Galicia do estado do Castro de Baroña (Porto do Son) e das próximas actuacións previstas neste ben arqueolóxico. Na súa intervención, o conselleiro comprometeuse a que "dentro deste primeiro cuadrimestre de 2011, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, incoará o expediente de declaración de Ben de Interese Cultural do Castro de Baroña", feito que permitirá que a declaración BIC sexa efectiva antes de que finalice este ano.

Roberto Varela tamén anunciou que ao longo deste ano 2011 se van levar a cabo diferentes traballos de mantemento e conservación naquelas zonas do xacemento que así o precisen, de acordo co disposto no Plan Especial de protección do Castro de Baroña. Varela asegurou que "se está a respectar o recollido no Plan Especial que, en relación coa área de protección do Castro, contempla que -mentres non se redacte un Plan Director- as únicas obras autorizables serán aquelas que teñan un carácter urxente, en razón do mantemento e conservación do xacemento". De todos os xeitos, o conselleiro recordou que "o Castro é de titularidade estatal, polo que, con independencia da nosa actuación, o primeiro deber e obriga de conservalo correspóndelle ao seu propietario".

O titular de Cultura e Turismo salientou que, despois de 14 anos sen actuacións arqueolóxicas no seu ámbito, a Secretaría Xeral para o Turismo, encargou no ano 2010 un estudo de Levantamento topográfico, documentación e estado actual do Castro de Baroña. Segundo o conselleiro, "a documentación recompilada neste estudo permítenos valorar o estado actual do xacemento de cara a tomar as medidas que teñan un carácter urxente, e garante dispor da información básica para o futuro Plan Director previsto no Plan Especial, para realizar no prazo de dous anos", dixo.

DOCUMENTACIÓN. A memoria deste estudo foi presentada á Consellería recentemente, e nela recóllese a documentación dos traballos levados a cabo, que consisten na documentación gráfica e fotográfica actualizada do Castro e dun levantamento topográfico detallado e xeo-referenciado. Así mesmo, elaboráronse fichas de rexistro individualizadas, que recollen o grao de conservación de cada unha das estruturas, as súas patoloxías e os axentes de alteración. En concreto, no estudo saliéntanse dous tipos de axentes de impacto: os naturais, como a erosión mariña a longo prazo, ou a chuvia e o vento nas superficies descarnadas; e os antrópicos, sobre todo causados nas zonas de tránsito das visitas masivas, e por actitudes agresivas ou de vandalismo. Nas conclusións, só se indican seis zonas puntuais de impacto crítico, sobre todo de estruturas que non foron obxecto de consolidación en anteriores campañas e na zona de entrada, a de máis tránsito, e que serán fundamentalmente aquelas sobre as que se vai actuar este ano. Segundo o conselleiro, "con estas actuacións queda perfectamente garantida a protección e conservación deste ben senlleiro do noso patrimonio". O conselleiro Varela recordou que "nestes dous primeiros anos de lexislatura acabamos de promover duascentas setenta intervencións en xacementos espallados por todo o noso territorio", como as realizadas no Castro de Viladonga, no Castro de Formigueiros, na Ermida de San Guillerme, no Xacemento romano de Cidadela ou no Castro das Barreiras.

"NÓS NON O IMOS FACER". Na reunión de onte, o Consello da Xunta tamén declarou Ben de Interese Cultural os castros de Borneiro, en Cabana de Bergantiños (A Coruña), e o de Saceda, en Cualedro (Ourense).

Así mesmo, Feijóo corroborou que a Xunta de Galicia traballa no expediente para declarar BIC o castro de Baroña, ao fío do que defendeu a preocupación do seu goberno por este enclave. "A diferenza doutros, que lle querían poñer ao lado unha planta acuícola, nós non o imos facer", proclamou. Sobre os castros de Borneiro e Saceda, ambos os dous terán a categoría de monumento Ben de Interese Cultural, en ambos os dous casos incluídos os vestixios arqueolóxicos, coa finalidade de garantir a súa conservación e evitar a deterioración destas mostras da cultura castrexa.

Quizás le interese saber a que viene la acusación del presidente de la Xunta al bipartito que lo precedió.

11-04-2007: Un biólogo detecta deficiencias en la piscifactoría de Baroña
El abogado del colectivo solicitó la anulación del proyecto

03-11-2007: En vez de premiarnos por manter o litoral libre de construcións, castígannos con estas plantas

05-09-2008: Manuel Vázquez recuerda al BNG que el plan acuícola se aprobó por unanimidad

0 comentarios: