22 febrero 2011

Tito Concheiro: “O castro de Baroña é hoxe unha das iconas do patrimonio cultural galego”

:ecg: | 22/02/2011
ARQUEÓLOGO “Coa mestura de natureza salvaxe e xacemento arqueolóxico foi pioneiro do turismo sostible”//“A etiqueta BIC será moi beneficiosa para o castro, nunha zona de forte presión sobre o territorio”//“A Lei do Patrimonio reflicte que calquera intervención require actuación previa da Consellería de Cultura”

Ángel Tito Concheiro Coello (Ordes, 1966) é licenciado na especialidade de Prehistoria e Arqueoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela. Desenvolveu preto de 150 intervencións arqueolóxicas por toda Galicia. É autor do libro Castro do Achadizo: cultura material, economía e subsistencia na Idade do Ferro. Tamén publicou numerosos artigos en revistas científicas sobre distintos aspectos da cultura castrexa e o mundo dos gravados rupestres da Idade do Bronce. No ámbito do castrexo, que é o seu principal campo de investigación, dirixiu proxectos de escavación e conservación nalgúns dos xacementos máis senlleiros de Galicia. Foi varios anos arqueólogo da Deputación provincial da Coruña e actualmente é director técnico da empresa Arquestudio S.L.

Cal é a importancia histórica e cultural do castro de Baroña no contexto da cultura galega?
Dende o punto de vista da arqueoloxía pura e dura, Baroña é o mellor exemplo de castro costeiro. Foi escavado en extensión dende moi cedo e presenta á vista unha cantidade de construcións de pedra que non é habitual neste tipo de asentamento prehistórico. O caudal de información recuperado é enorme e, malia as controversias e lagoas interpretativas que sempre acompañan á nosa profesión, permite visualizar e reconstruír con bastante aproximación como era a vida na Galicia de finais da Idade do Ferro.
Ademais disto, o castro é hoxe a imaxe máis recoñecible da arqueoloxía galega e unha das iconas do seu patrimonio cultural. Tamén me gustaría subliñar que Baroña, con esa mestura de natureza salvaxe e xacemento arqueolóxico, foi pioneiro do que hoxe coñecemos como "turismo sostible", coa aparición espontánea do nudismo na Arealonga, o goce acougado da natureza, a práctica do surf e a reivindicación dun suposto pasado celta.

Que peculiaridades fan especial o castro de Baroña na cultura castrexa?
Non é unha pregunta doada de responder, porque cada xacemento arqueolóxico, ata o máis modesto, ten cousas únicas que o fan distinto aos demais. Pero así, a bote pronto, eu destacaría a riqueza, monumentalidade e sofisticación da súa arquitectura. Mentres a maioría dos castros costeiros teñen unha estrutura aparentemente sinxela, Baroña ten recintos achanzados, murallas sofisticadas, portas monumentais e ata unha arquitectura doméstica atípica, con moitas casas ovaladas de grandes dimensións, algo moi pouco habitual no mundo castrexo avanzado das Rías Baixas. Aínda que xogamos con vantaxe, porque Baroña foi escavado máis en extensión que outros xacementos da súa clase, este excepcional conxunto arquitectónico ten un valor patrimonial de primeira orde.

A qué se debe, na súa opinión, esta monumentalidade?
A resposta parte dun principio que ás veces non se valora o suficiente: o Castro de Baroña non é un fenómeno illado e non podemos caer na tentación de desligalo do seu espazo e do seu tempo. Persoalmente son da opinión de que no castro existe unha ocupación máis antiga, pero tamén que o seu aspecto actual é obra maioritariamente do século I antes de Cristo.
Este momento parece ser clave na Cultura Castrexa desta zona de Galicia, no que a arqueoloxía documenta cambios e acontecementos extraordinarios: algún xacemento, como o Castro do Achadizo, abandonase logo setecentos anos de vida initerrumpida, outros, como O Neixón Grande, semellan terse especializado en funcións non domésticas, como o comercio, e ata se funda algún novo poboado en zonas duras e afastadas, como o posible castro de Punta Os Pericos, en Ribeira.
Creo que nese intre as sociedades castrexas eran moi dinámicas e, decabalo dunha gran explosión demográfica e económica, fixéronse máis complexas. Para facer as murallas do castro, espectaculares e monumentais, foi preciso un esforzo descomunal ao servizo dunha comunidade organizada xerarquicamente que necesitaba prestixiarse a traveso da arquitectura. Baroña colapsou no momento da integración plena de Galicia no mundo romano, por iso é moi suxestivo pensar que foi o canto do cisne ou a apoteose final do mundo indíxena da Idade do Ferro.

Axudaría á súa conservación dunha maneira definitiva a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC)? Debe proceder a Xunta de Galicia a resolver ese expediente de BIC canto antes?
Un xacemento declarado BIC chega ao seu máis alto grado de protección, e non só el, senón tamén a súa contorna. Nese senso será unha figura moi beneficiosa para o Castro, situado nunha zona de forte presión sobre o territorio. Ademais, a etiqueta BIC ven sendo así como unha marca de excelencia ou calidade para calquera xacemento arqueolóxico. Con respecto ao estado actual do expediente, non podo opinar xa que descoñezo a situación na que se atopa, pero temos que recoñecer que, por desgraza, ningunha administración, municipal, autonómica ou estatal, é rápida na tramitación dos expedientes relacionados coa planificación e coa ordenación do territorio.

Pode, na súa opinión actuar o concello de Porto do Son no xacemento sen permiso da Xunta de Galicia ou as competencias son exclusivamente do goberno autónomo?
A Lei do Patrimonio Cultural de Galicia reflicte que calquera actuación, do tipo que sexa, nun xacemento arqueolóxico ou no seu ámbito de protección require actuación previa e expresa da Consellería de Cultura. Agora ben, o concello pode promover unha actuación, sempre e cando o financiamento estea garantido e conte cun proxecto asinado por técnico competente que reciba a autorización e o aval técnico previos por parte da Consellería

Cales cre que son os lugares concretos do castro onde hai maiores danos?
Xa comentei anteriormente que as patoloxías máis graves se atopan naquelas zonas sen consolidación e con áreas de escavación aberta, que non son moitas, pero que coinciden con zonas por onde transitan os visitantes. A nivel de detalle, a parte que máis me preocupa é a primeira liña defensiva, co foxo e a muralla que pechan o istmo. Non está ben, a xente circula sobre ela sen percibir o seu carácter de resto arqueolóxico. Ademais, precede o lugar onde se concentran as "esculturas" ou amilladoiros que levantan os turistas cada ano.

Corre grave perigo o castro?
Baroña foi un dos primeiros xacementos escavados de Galicia. As súas primeiras intervencións datan de inicios dos anos 30, da época da Segunda República. O xacemento estivo literalmente aberto en canal ata as meritorias campañas de Francisco Calo nos anos oitenta, que fixeron moito por salvalo da súa perda definitiva, o que demostra que a problemática sobre a súa conservación é algo que non é exclusiva deste momento e xa vén de vello.
Para ser realistas, o castro non se vai desfacer en seis meses, nin vai colapsar de xeito repentino. As alteracións nun xacemento destas características, no que máis do 90 por cento das construcións recibiron tratamento de consolidación, funcionan a un ritmo máis lento do que nun principio poderiamos pensar. Outra cousa é que se prolongue indefinidamente esta situación de impasse, que non o beneficia en absoluto.

Por último, como valora o futuro do xacemento?
Eu son unha persoa optimista por natureza. Nós pasaremos e o Castro de Baroña seguirá aí, soportando estoicamente os embates do mar. O meu desexo de corazón é que o faga nas mellores condicións posibles.

“En vinte anos nunca vin nada parecido”

Podería describirnos o seu estado de conservación xeral e os perigos que poden vir?
Baroña é un xacemento escavado en extensión, con moitas estruturas expostas á intemperie, e ten unhas condicións ambientais que fan moi complicado o seu mantemento. Despois de tantos anos sen tratamentos de conservación, o seu estado actual é irregular, aínda que, sendo realistas, podía ser moito peor. No estudo que fixemos para Cultura o ano pasado documentamos ata seis zonas de impacto crítico, coincidentes coas zonas de escavación aberta e cos puntos de tránsito masivo. A curto prazo, máis que a degradación, que é un proceso lento, para min ten máis importancia a falta de actividade arqueolóxica e a perda dos valores patrimoniais. Se Baroña non se usa como xacemento arqueolóxico, usarase para outras cousas. Nos últimos anos vimos asistindo a unha auténtica febre de fenómenos sorprendentes: esculturas no propio xacemento, rituais esotéricos, circuítos de mountain bike, escavacións furtivas e ata unha "boda celta". Teño que recoñecer que, en vinte un anos de actividade profesional na arqueoloxía, nunca vin que nada parecido a isto.

0 comentarios: