20 febrero 2011

“Impediremos o acceso ao castro se a Xunta non asume as súas responsabilidades”

:ecg: | 20/02/2011
Xoán Pastor Rodríguez Santamaría, Alcalde de Porto do Son. SOS desesperado para salvar Baroña

Xoán Pastor Rodríguez, un dos rexedores máis preocupados pola cultura e a defensa do patrimonio abandeira unha cruzada para salvar o Castro de Baroña, quizais un dos símbolos máis valiosos da cultura castrexa en Galicia.

Cal é a importancia para Porto do Son do Castro de Baroña?
Fundamental, porque é o seu principal sinal de identidade e un atractivo turístico que axuda á promoción internacional da nosa vila, xa que atrae moitos visitantes cada ano. Porto do Son e o Castro de Baroña están unidos xa na mente de todos os que se interesan polo patrimonio cultural.

Cal é a situación actual do Castro de Baroña?
Unha situación mala, con grave perigo de que algúns dos danos se convertan en irreversibles. Non é unha opinión persoal nin política, senón a opinión do arqueólogo a quen a Xunta de Galicia lle encargou de facer un levantamento topográfico e un estudo da situación actual do castro. Detectou até seis áreas de impacto crítico, en grave risco de perda irreversible, xa que son especialmente graves na primeira liña defensiva do castro. O goberno da Xunta, que é quen ten as competencias para actuar, ten que ser responsable e respectar os informes técnicos e actuar con dilixencia. Non pode priorizar outras obras só pola cor política dos concellos. Estamos falando dun ben que é dos sonenses, pero é tamén de todos os galegos e galegas e que é preciso conservar e restaurar.

O voceiro do PP de Porto do Son aseguraba cando era alcalde, no Pleno do Concello de Porto do Son do 30 de outubro de 2009, no que se discutiu a aprobación definitiva do Plan Especial de Protección do Castro de Baroña, que o goberno da Xunta comprometera 1.000.000 de euros, en que quedou isto?
Se esa promesa foi certa, o que dubido, debería figurar por escrito nalgures. Eu entrevisteime repetidas veces con representantes da Consellería de Cultura e afirmáronme que o prometeran, pero non por escrito, e as palabras lévaas o vento. Coa desculpa da crise económica priorízanse outras obras de interese cultural noutros municipios, ás veces menos urxentes, que as que precisa o Castro de Baroña.

En que situación está o expediente de declaración do Castro de Baroña como Ben de Interese Cultural (BIC)?
A figura de Ben de Interese Cultural (BIC), recollida na Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, é o grao máis alto de protección dun ben histórico, xa que supón que se protexe o castro e tamén o contorno no que está situado e así nese ámbito todas as obras e actuacións deberán ser autorizadas pola Consellería de Cultura e cumprir os requisitos técnicos que a lei esixe. Só se poderán facer obras para a conservación, a corrección de impactos negativos ou a súa posta en valor. É fundamental que se declare o castro BIC, porque iso salvaríao cara ao futuro. O problema está en que non hai vontade de facelo, pois o expediente está nos seus inicios cando xa hai máis dun ano que está en estudo. Eu penso que non se resolve para esperar as eleccións municipais, xa que a Xunta pensa que se o resolve favorecería ao goberno progresista do Son. É un grave erro, pois o Castro de Baroña é un ben histórico que está por riba das cores políticas conxunturais e dun tempo concreto. Estáselle a facer un mal a toda a cultura galega en xeral. De nada serve facer novas infraestruturas culturais senón conservamos o legado máis importante do pasado.

Cal é a desculpa que a Dirección Xeral de Patrimonio pon para non actuar no castro?
A crise económica serve sempre de desculpa para reducir os orzamentos en cultura, cando deberían reducirse noutras cousas máis superfluas, pois a cultura é parte fundamental do país, non só para conservar o pasado, senón tamén como atractivo turístico para a promoción dos valores do noso territorio; se queremos atraer un turismo de calidade, teremos que ofrecer o máis valioso que temos, as nosas paisaxes e os nosos bens culturais.

O conselleiro de Cultura aduce que o castro levaba catorce anos sen contar con protección?
É unha desculpa de mal pagador. Hai catorce anos a situación do castro non era tan perigosa como hoxe en día, pero ademais que no pasado non contase cunha protección especial non é ningunha desculpa, pois canto máis se tarde peor será, e é agora cando é máis necesaria. Non se pode querer competencias autonómicas e logo non asumir as responsabilidades que levan consigo e querer que un concello modesto invada as competencias da Xunta, xa que por si mesmo non pode actuar, e que ademais poña os cartos que debe poñer Cultura, senón para que ten orzamentos a Consellería? Só para pagarlles aos altos cargos? O presidente Feijoo descúlpase dicindo que os cartos deben vir de fóra, pero a responsabilidade principal é da Xunta de Galicia, non do Concello, nin da Deputación nin do Goberno central, porque se é así, para que serve a Consellería de Cultura?

O Concello de Porto do Son fixo os seus deberes respecto do Castro de Baroña?
Eu penso que si, pois a administración autonómica consideraba que o requisito fundamental para a protección do castro era a aprobación por parte do Pleno do Plan Especial de Protección, cousa que xa se fixo o ano pasado. Agora a responsabilidade é da Xunta de Galicia, e segundo o PP do Son, había un compromiso de cerca de 1.000.000 de euros para o Centro de Interpretación e un plan para fixar as intervencións no xacemento. Algúns destes compromisos fóronme reafirmados o 25 de maio de 2010 polo director xeral Rei Pichel, pero neste momento desdinse dese compromiso. Agora aducen que é necesario o BIC para o castro para poder actuar e saben ben que esa declaración de BIC depende deles e non do Concello. Non queren nin achegar orzamento para o Plan Director de Protección do castro. Non é un capricho político porque o colectivo de arqueólogos de Galicia sostén que é necesaria unha intervención inmediata no castro e ademais, recalco, a lei aprema a rehabilitación urxente do patrimonio cando está en estado crítico. Por iso eu falaría de deixación grave de funcións.

Sinceramente, é necesaria a declaración de BIC para actuar no Castro de Baroña?
Eu penso que non, porque a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia de 1995 especifica claramente que aínda que se estea tramitando calquera expediente, incluído o BIC, as administracións poden levar a cabo os traballos de conservación cando o patrimonio cultural ameaza ruína. E no Castro de Baroña hai seis lugares en estado crítico, se non se actúa agora, cando se vai actuar, cando desapareza? O Plan Especial de Protección do Castro de Baroña, publicado xa oficialmente o 3 febreiro, prevé tamén a intervención urxente en caso necesario. Non son conscientes de que o Castro de Baroña é xa un símbolo de toda Galicia á beira do Atlántico.

Cal é a solución a este problema?
Que a Xunta de Galicia se faga cargo das súas propias responsabilidades, que non faga deixación de funcións nin partidismo político cun ben cultural. Para iso debe solucionar o expediente da declaración de Ben de Interese Cultural e cumprir as súas promesas. O Concello de Porto do Son recorrerá ao Parlamento galego, presentará unha queixa formal, se fai falla ao Valedor do Pobo e mesmo estudará xuridicamente se pode impedir o acceso dos visitantes ao castro para protexelo mentres as autoridades a quen compete a súa protección non actúen. Será unha triste imaxe no Son e para toda Galicia ver pechado o acceso a un ben cultural tan importante.

Santiago. Co obxectivo de reclamar "unha partida orzamentaria para o coidado, restauración e protección do Castro de Baroña, patrimonio de todos os galegos e galegas, e que está sufrindo unha seria deterioración pola inacción da Xunta de Galicia", o Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia acaba de presentar unha proposición non de lei para o seu debate en Comisión.

Na súa proposta, presentada por iniciativa do deputado socialista José Manuel Lage Tuñas, o PSdeG considera fundamental o recoñecemento do Castro de Baroña como Ben de Interese Cultural, e recorda que "así llo fixemos saber durante a pasada lexislatura ao Goberno galego presidido por Emilio Pérez Touriño", quen subliña "abriu o camino necesario para que e procedera ao recoñecemento do citado castro".

Accións sectarias. Tras considerar que "non se entenden as accións sectarias do Goberno galego negándolle a Porto do Son un investimento en materia de protección do patrimonio, cando este tipo de actuacións debían ser prioritarias para o Goberno galego, que ten entre as súas competencias a protección e coidado deste tipo de xacementos", a proposición non de lei que os socialistas presentaron ante a Mesa do Parlamento galego insta a Xunta para "concluír, durante o ano 2011, os trámites do correspondente expediente para a declaración do Castro de Baroña, sito no concello de Porto do Son, como Ben de Interese Cultural".

O PSdeG esíxelle ao Goberno galego que dispoña "unha partida orzamentaria para a urxente actuación de restauración e protección patrimonial como fixa o Plan Especial de Protección do Castro de Baroña".

Relacionada
O PSdeG reclama unha partida para protexer o sitio arqueolóxico

0 comentarios: