30 julio 2010

Unha lanza por Groveiro

:lvg: | 30/07/2010
Isto ven a que hai escasos días, sen nomear a ninguén, fixemos certa alusión ao persoeiro que encarnou nesta comarca o innovador paradigma do transfuguismo político que, apenas pouco máis tarde, acadou a todo o estado español. Olegario pretendía que a suxestión incitase a alguén de autoridade a testificar de cara á confirmación do caso. E así foi -porque Olegario non cre en casualidades- que menos días despois, en titular e sumario, leuse na Voz de Barbanza: «Antonio González Groveiro, primeiro alcalde democrático de Porto do Son. Auxe e caída dun rexedor camaleónico».

Nada nos cabe que dicir do texto que continuaba. O artigo relataba os avatares políticos do mandatario local durante os primeiros 16 anos da democracia formal que nos envolveu a todos abarcando a toda España. E non obstante, o que nos move é o que a atención se centrase na evolución política do alcalde, ou ben de quen o representara, mediante a fuga camaleónica -ao dicir do informante- de Antonio González Groveiro. Groveiro -dicimos nós- por non pecar de inexactos e así identificalo. Porque o falar, de algún xeito ou de ningún, pero de forma real, tamén depende de que antes poñamos claro de quen queremos falar, máis que o para quen o queiramos, xa que, en torno das dobres ou triplos personalidades causantes, sen analizar o caso, nunca se pode saber se as accións que veñen delas son cuestión de esquizofrenias ou só de puro teatro.

Se imos polo teatro para analizar o caso e falamos da política pasada, que deu lugar á actual, sexa ben desta comarca ou, moito máis, da central, tamén se pode dicir, sen faltar á exactitude, que é certo que o mundo non é o teatro. Pero o teatro está nel dende tempos moi antigos. Aí temos o exemplo grego, onde o teatro resolvía as comedias e as traxedias, que ós cidadáns de entón lles afectaban na vida.

Hoxe, porque aquí chegamos, só nos quedan realmente dous partidos. Un representa a dereita e o outro a esquerda do sistema. Un sistema, polo tanto, para nada democrático, pero que necesita xustificarse como tal diante do pobo, cousa que non podería, se non recorre a representación teatral correspondente. Na escena cada político representa o seu papel do mellor xeito posible (é cuestión profesional). Sobre o escenario, a representación transcorre de modo absolutamente real, pois que se realiza en vivo dentro dun tempo e un espazo. O espectador, o mesmo que é cidadán, entende que o que está vendo é soamente teatro, pero cre no que nel pasa, porque é que así o vive, en canto que mentalmente entra nel no mesmo tempo real do espazo no que transcorre a historia representada. Mais o espectador tamén sabe que, se quere vivir a farsa, debe pagar pola entrada ó prezo que a empresa marque e en vista de que tamén os actores teñen que vivir de algo.

O Groveiro sempre dixo, dende o principio dos tempos do PCG, que se entraba na política (léase na política oficial ou de dereito) soamamente o faría para poder vivir dela. Sábeo ben Olegario, porque foi seu camarada. Así, pois, é que Groveiro non enganou a ninguén con ningún cambio camaleónico. Só que se foi adaptando profesionalmente, como todos os políticos en marcha, segundo foron os tempos. Polo demais, aínda cambiando de pel, peor é non ser por dentro xa nin tan sequera un mesmo, pero seguir co mesmo engano aos demais, mostrando o mesmo pelexo, tal como agora se leva no bando contrario a esoutro no que parou o Groveiro. De aquí o paradigmático.

Mais en canto ao da vía esquizofrénica, o mesmo nos valería para explicar este caso. Pero xa non queda espazo. Non obstante, o que si aseguramos é que ningún camarada de Noia-Porto do Son contou nunca cun carné asinado por Carrillo. Simplemente, porque deses, no PCG, non había. Polo tanto, a nós non nos cabe dúbida de que Groveiro nunca puidera exhibilo polos cafés co mesmo orgullo con que mirase ao do PP coa rúbrica de Fraga.

0 comentarios: