13 julio 2010

Palabra de alcalde

:lvg: | 13/07/2010
Algúns veciños de Xuño acordaron poñerse en pé de guerra porque a Xunta quere facer uns arranxos da estrada AC-550 no seu paso pola parroquia onde viviu e morreu o tan galardoado escritor e colaborador desta casa Carlos García Bayón. De seguro que neste caso, coma no do aforismo: Art.1º. O xefe sempre ten a razón. Art.2º. No caso de que o xefe estea trabucado, aterse ao artigo 1º, os xunenses teñen a razón.

Certamente que a estrada entre Ribeira e Porto do Son precisa dunha actuación axeitada á realidade actual, aínda que tamén hai que recoñecer que non é doado compaxinar a seguridade vial en núcleos coma Queiruga, Caamaño, Xuño e Oleiros coa rapidez que sempre é pouca cando unha ambulancia encara angustiosamente o hospital de Barbanza.

O mesmo problema de achegar os enfermos ao centro sanitario pasa dende Boiro e A Pobra, pero ás veces ou as nosas entendedeiras son limitadas ou se fan actuacións que non cadran. Vexamos.

A antiga saída da vía rápida pola Tomada encaraba directamente a estrada AC-302 que, por Moldes, leva aos doentes boirenses ao hospital comarcal. Pois ben, non se pode entender como tal saída foi pechada, obrigando a facer un rodeo de máis de un quilómetro e medio. Non se trata de que non se fixese a nova saída actual, senón de que non se ven razóns para que non permanecera a devandita saída seiscentos metros máis adiante pensando, precisamente, neses minutos que poden ser cruciais para salvar unha vida humana ou, incluso, para encarar o clínico de Santiago.

Do mesmo xeito tampouco se pode entender que eses cinco quilómetros de estrada que van dende o cruce de Gonderande na Pobra ata o hospital se lle fixese un arranxo tan pobre cando o seu percorrido permitía facer unha vía ultrarrápida. Iso foi unha promesa electoral do PP pobrense en 1999 se Torres Colomer acadaba a Deputación. O alcalde ribeirense acadou o goberno provincial, pero teño o convencemento de que antes se arranxarán os oito quilómetros que hai dende Corrubedo, aínda que deberiamos confiar no que dixo o alcalde Maceiras neste xornal fai uns días, de que el sempre cumpre a súa palabra, polo que ata as vindeiras eleccións municipais quédalle tempo de sobra.

0 comentarios: