30 mayo 2010

A bolsa das canicas

Imagen de unos niños mostrando como se jugaba a las canicas.

:lvg: | 30/05/2010

A bolsa das canicas era a medida do noso poder, fama e riqueza infantil. O xogo das bólas establecía entre nós unha escala de categorías, sociais e profesionais que, dalgún xeito, todos tratabamos de superar, xa fose equipándonos coas mellores bólas posibles ou adestrando en todo momento e en todos os lugares ata facer calo na uña.

A profesionalidade demostrábase, sobre todo, no xogo do guá, aquel de «primeira, truque máis truque, pé, paso de bola e guá», que era o momento de alcanzar a partida ganada e cobrar a aposta que se fixera en número de bólas, despois de avanzar tratando, ó mesmo tempo, de arredar ós contrincantes do camiño da meta. Pero, se por algo nos mediamos naqueles tempos de loita e formación, era pola destreza do xogador e polo tipo de bóla con que cada quen competía, ata manifestarse os grupos sociais segundo se xogase con cochas, con bólas de barro, pelouros ou -as máis prezadas de todas- coas bólas de aceiro que tiña o Virulillas, a quen llas traía un tío seu, dos rodamentos dos motores do taller onde traballaba; pero o pobre era tan enganido que non podía con elas, e daquela, o seu afán, máis ca ser un xogador de renome ou un artista do guá, era ser un potentado das canicas, trocándoas por pelouros, a así era que sempre tiña a máis grande bolsa de bólas que se viu nun recreo.

Evidentemente, naquel xogo, cada tipo de bóla impoñía a súa personalidade. As que chegaban máis lonxe eran as cochas, pero tamén ás que calquera que lles dese as sacaba do risco, de maneira que, para gañar unha partida non o tiñan doado e a súa aspiración era conseguir unha bóla de cristal para competir con ela deixando as cochas para as apostas. Por outra banda, as bólas de barro tiñan o problema da traxectoria, que igual ca elas, nunca era regular; e, sen lugar a dúbidas, as máis fermosas de todas eran os pelouros, toda unha clase media, nin elite nin paria, e pola variedade do debuxo eran a marca de identidade do xogador, aínda que sempre inferiores en potencia ás de aceiro, sempre iguais, uniformes e do mesmo diámetro, que alí onde caían eran practicamente inamovibles e moi doado que ata á máis fermosa das de cristal lle fixese un nique que lle quitaba valor nos troques, e polo tanto, se por un pelouro se pagaban ata dez cochas ben escollidas, por unha de aceiro podíanse dar ata cinco pelouros a estrear, o que convertía ó Virulillas no primeiro broker con accións en bólas do grupo escolar. Visto desde agora, lémbrame a un moderno accionista, que sen ter unha fábrica pode decidir que vai fabricar e a cantos vai despedir; ou o presidente dun club de fútbol, que sen darlle nunca unha patada a un balón, merca e vende futbolistas e partidos.

Daquela o Virulillas ía para negociante pero quedouse no camiño, sempre en tratos cos mellores xogadores, a quen, coas súas bólas de aceiro, facía xogar para el, a un tanto por cento das ganancias, mentres a súa bolsa de canicas avultaba o pantalón e soaba cunha música envexable polas rúas de Cerqueixo.

Lembro un día no que discutiron el e Carducho, por ver quen tiña mellores bólas, e este dicíalle que el, todas as que tiña, gañáraas sen axuda de ninguén, ó que o Virulillas respondeu:

-¿Acaso eu roubeinas?. Eu non roubo, eu invisto.
-Si, pero non gozas.

Daquela Carducho non sabía que hai quen goza mirando, sobre todo cando o mirón sabe que ten accións no traballo dos demais.

Antonte vin a Carducho e contoume que ten unha fortuna investida en bolsa -na bolsa de valores, claro- que agora xa é maior para xogar ás bólas.

0 comentarios: