12 septiembre 2009

Cultura e Turismo velará pola seguridade e posta en valor do Castro de Baroña en Porto do Son

O director xeral do Patrimonio Cultural reuniuse co alcalde de Porto do Son para fixar os traballos de conservación despois dos recentes atentados contra a integridade do xacemento arqueolóxico

A Consellería financiará o proxecto de limpeza, acondicionamento e levantamento topográfico do Castro de Baroña e contempla a instalación de carteis informativos para concienciar da importancia e da fraxilidade deste patrimonio

José Manuel Rey Pichel comprometeuse a estudar a curto prazo un programa de visitas guiadas ao Castro de Baroña mentres se avanza no proxecto do futuro Centro de Interpretación

Santiago, 11 de setembro de 2009.- O director xeral do Patrimonio Cultural, José Manuel Rey Pichel, reuniuse hoxe na Consellería de Cultura e Turismo co alcalde de Porto do Son, Manuel Tomé, para definir un plan de traballo que permita garantir a seguridade, a protección e a posta en valor do Castro de Baroña. Neste sentido, a Consellería de Cultura e Turismo financiará o proxecto de limpeza, acondicionamento e levantamento topográfico do xacemento arqueolóxico.

Esta actuación será prioritaria para a Consellería de Cultura e Turismo tras os desagradables atentados contra a integridade do Castro de Baroña denunciados a pasada fin de semana, na que uns descoñecidos acumularon mais de 300 pedras en forma de pirámide sacadas dos mesmos muros do xacemento vulnerando a Ley de Patrimonio de Galicia que impide o uso inadecuado da arqueoloxía.

Os traballos consistirán agora na limpeza e acondicionamento do Castro e na instalación de carteis informativos nesta área de cara, segundo José Manuel Rey Pichel, “a concienciar aos cidadáns da importancia deste elemento arqueolóxico”. “Non podemos permitir que se deteriore un patrimonio que é fráxil e que está protexido por lei”, asegurou.

Non se trata da primeira acción vandálica no castro de Baroña, utilizado como zona de acampada e recinto lúdico e festivo en multitude de ocasións. A suma destes feitos levou ao Concello de Porto do Son a redactar o Plan Especial de Protección que será unha peza fundamental para declarar o complexo arqueolóxico como Ben de Interese Cultural (BIC). A Consellería de Cultura e Turismo colaborará na elaboración ademais dun Plan Director que regule as actuacións nesta zona protexida.

Centro de interpretación
A reunión na Dirección Xeral do Patrimonio Cultural serviu para establecer as liñas de traballo respecto á construción do Centro de Interpretación do Castro de Baroña. José Manuel Rey Pichel comprometeuse a impulsar o proxecto, para o que é necesario previamente que o Concello defina a dispoñibilidade dos terreos para a súa ubicación.

Mentres o Centro de Interpretación non sexa unha realidade, a curto prazo Cultura e Turismo estudará a posibilidade de poñer en marcha un programa de visitas guiadas ao xacemento para dar a coñecer de xeito didáctico a riqueza deste complexo arqueolóxico.

0 comentarios: